Friday 19 de April de 2024

Política Social achega máis de 11.000 euros para a posta en marcha dun proxecto deportivo destinado a persoas con discapacidade intelectual


— O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro de día Juan María en Nigrán

— A Xunta de Galicia destina máis de 340.000 para subvencionar 28 prazas nesta entidade

— Ademais, destina outros 344.000 euros para un centro ocupacional destinado á inclusión social e laboral das persoas con discapacidade

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe os usuarios do centro de día Juan María, dedicado ás persoas con discapacidade intelectual que se atopan fora da idade escolar e precisan apoio para o seu desenvolvemento integral. Alí, González Abeijón puido coñecer de primeira man un proxecto deportivo que contribúe á adquisición do benestar físico destas persoas, ao que a Xunta de Galicia achega máis de 11.000 euros para a súa posta en marcha e a adquisición do material deportivo necesario, a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF.

O director xeral aproveitou para percorrer as instalacións do centro, no que se veñen de contratar tres novas prazas financiadas pola Xunta de Galicia, o que suporá un incremento de 39.000 euros anuais. Con estas novas prazas ascenden a un total de 28 as subvencionadas nestas instalacións cun orzamento de máis de 340.000 euros. Neste centro desenvólvense actividades inclusivas e interactivas, como as manuais ou os talleres de comunicación, entre outros.

Así mesmo, a Xunta de Galicia destina outros 344.000 euros para sufragar os gastos de 45 prazas do centro ocupacional de Juan María, onde se traballa cos usuarios para conseguir unha plena inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade destacou o compromiso destes centros á hora de levar acabo este tipo de programas, nos que se traballa na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.